Sunday 05 de May de 2024

Concedidos os premios do certame literario Descubrindo Oleiros


O xurado do IX Premio Literario Descubrindo Oleiros, atendendo á corrección lingüística, á calidade textual e á orixinalidade concedeu os premios nas diferentes categorías.

Na primeira categoría, na que participaron 81 nenos e nenas, resultou gañadora Zoe Carbajo García, de 4º de primaria do CEIP A Rabadeira, polo seu relato As fadas da luz. Nesta categoría, outórgase tamén un accésit a Vega Fernández Coello, de 3º de primaria do CEIP Juana de Vega, polo seu relato O meu fogar perfecto.

Na segunda categoría, presentaron os seus relatos 54 alumnos e alumnas, e o xurado decidiu que pola súa orixinalidade fose a gañadora Mencía González Blanco, do CEIP Luis Seoane, polo seu relato A familia Oleiros.

Na terceira categoría, presentáronse 23 textos e resultou gañadora Emma Villamor Redondo, de 1º de ESO do IES Miraflores, polo seu texto O Castro de Xaz. E nesta categoría tamén se dá outro accésit a Uxío Fernández Paz, de 1º de ESO do IES Miraflores, polo conto Que historia pode ter Oleiros?

A cuarta e a quinta categoría, quedaron desertas porque non se presentou ningún texto.

E na 6ª categoría, presentáronse 6 textos e gañou Destino, de Rebeca María Varela Garea. O xurado tamén quixo facer unha mención especial, sen premio, pola súa orixinalidade e o bo desenvolvemento da historia ao relato Un final previsible de Pedro Santiago López Caamaño.

Proximamente avisarase da data de entrega de premios, que consistía nun vale de 200 euros para librerías do municipio e o establecemento Quercus.